18/6/09

Á XUNTA INTERÉSALLE A NOSA OPINIÓN

Vannos consultar en que idioma queremos educar os nosos fillos. Resulta sorprendente, porque por primeira vez os políticos vanlle preguntar ó pobo o que opina, interésalles a nosa opinión; eso si, non a de todos, porque se non se teñen fillos en idade escolar non se pode participar, aínda que teñas un fillo de dous anos e dentro de pouco lle afecte a decisión que se tome en función dos resultados de dita consulta. O que si resulta curioso é que se tes cinco fillos en idade escolar a túa opinión conta cinco veces.
Por outra parte, din que se lle enviará un papel de consulta a cada neno; é dicir presuponse que o pai e a nai pensan o mesmo; non se ten en conta a posibilidade de que teñan opinións diferentes. ¿Non sería o lóxico mandarlle dous papeis a cada neno, un para a opinión da nai e outro para a opinión do pai?
En fin, cuns criterios así á hora de consultar, ¿podemos esperar que as valoracións sexan fiables?

Xa que están dispostos a escoitar a nosa opinión sobre a lingua en que queremos que aprendan os nosos nenos, estaría ben que seguisen coa rolda de consultas e nos preguntasen a nosa opinión sobre algunhas cuestións que poderían ser de interese, por exemplo:

-¿Cal é o salario xusto para os políticos cando ocupan un cargo público?

-¿Canto tempo pode estar un político nun cargo público?

-¿Debe un político ocupar máis dun cargo público?

-¿Debería un político usar diñeiro público para pagarlles ós avogados da súa defensa cando un cidadán o denuncia?

-¿Debería un político ser o responsable das decisións que tomou exercendo o seu cargo ou como sempre que sexa a entidade que representa (concello, conselleria , etc..) a responsable?

Esperamos con impaciencia a seguinte consulta, aínda que tememos que non haberá máis.

SAÚDE.

No hay comentarios:

Publicar un comentario