9/11/13

VALORACIÓN DAS VI TARDES LIBERTARIAS

Os días 1 e 2 de novembro o Ateneo Libertario Lume Negro celebrou as súas VI Tardes Libertarias, na casa dos veciños e veciñas de Angoares. Aproveitando que nesta ocasión coincidiron co décimo aniversario da formación deste colectivo ponteareán, o lema non podía ser outro que 10 anos de Lume Negro e aínda non estamos queimados.    
Na tarde do venres comezamos coa presentacion dun número especial da nosa revista aperiódica, co mesmo título que as tardes, que conmemora o noso décimo ano como ateneo e como grupo. Inclúe diferentes artigos de persoas ou colectivos que colaboraron con nós ó longo de todo este tempo, e tamén artigos propios do ateneo. A continuación, proxectamos a curtametraxe “Balando con Homos” que é unha creación do propio ateneo, de Audiovisuais Lume Negro, que trata sobre a visita duns seres chegados dende a Vía Ácrata e a sorpresa e o desconcerto que senten observando a vida na Terra. Para rematar, contamos coa presencia de Eliseo Fernández que nos achegou un pouco máis, coa súa charla, ó desenvolvemento do movemento anarquista galego.
Na segunda xornada destas tardes tivemos o pracer de contar coa asistencia de Miguel Amorós que compartiu con nós a súa crítica á partitocracia e ó Estado, dende a perspectiva anarquista.
Xa para rematar, e aproveitando unha tregua da chuvia, celebramos un magosto con tódolos asistentes, no que puideron compartir as súas impresións e conclusións sobre os actos desenvolvidos.

Dende Lume Negro valoramos de xeito bastante positivo estas VI Tardes Libertarias. A primeira razón para facelo é o número de asistentes, o cal demostra o interese suscitado polas temáticas escollidas. Outra razón de peso é o longo debate e as intervencións xurdidas ó remate das charlas, que poñen de manifesto a expresa implicación dos asistentes no desenvolvemento deste tipo de actos e as súas inquietudes respecto de certas problemáticas actuais e as alternativas que se orixinan a partir delas.
Como aspectos negativos só temos que lamentar os problemas de carácter técnico que sofremos durante a proxección da curta que, por causas alleas á nosa capacidade organizativa e ó compromiso adquirido, non puidemos evitar. De feito, estade atentos, porque en breve poderedes acceder a ela a través dun enlace que publicaremos neste mesmo blog.

O ateneo quere agradecer a tódolos que decidiron achegarse por alí e ós invitados a súa asistencia e participación na celebración destas tardes; así mesmo tamén temos que facer unha mención especial ó colectivo de veciños e veciñas de Angoares pola súa disposición e axuda.

Sen a colaboración de todos non sería posible. Grazas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario